Este sábado 28 de Outubro as xornadas “Comunicación, Poder e Contrapoder” deron o paso definitivo de cara á súa construción grazas ás máis de 70 persoas que, a través das súas as achegas á campaña de microfinanciamento, posibilitaron a consecución do orzamento preciso para facelas realidade.
As xornadas “Comunicación, Poder e Contrapoder” analizarán os mecanismos de construción do discurso hexemónico e uniforme actual así como as relacións de poder que se tecen entre os medios de comunicación, o poder político e as transnacionais. Ao mesmo tempo, estas xornadas tamén irán debullando o xeito en que se organizan as persoas na construción do contrapoder a través da vertebración dun discurso alternativo e unha nova cultura que ten como punto central a transformación do cidadán e da cidadá en suxeitos activos, grazas á aparición de novas ferramentas, novos coñecementos e unha concepción diferente da comunicación e a información a partir da aparición de internet.
As xornadas, que terán lugar entre o 17 de novembro e o 8 de decembro, están conformadas por palestras de carácter aberto e gratuíto que terán lugar en distintas localidades do mundo, e que estarán conectadas entre si a través do espazo dixital. Cada unha destas palestras conformarase a través dunha exposición realizada por distintxs especialistas e profesionais que irán facendo unha análise pormenorizada para logo iniciar un debate entre as persoas presentes. O programa das xornadas é o seguinte:
- A Coruña
-
-
- Xoves 23/11/2017 – MARCOS PÉREZ “Cada xornalista ten a súa verdade. Guerra de relatos nun mundo fragmentado” Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) ás 19:30 h
- Venres 24/11/2017 – ANTONIO CARO “A publicidade como instrumento do poder”, Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16) ás 20:00 h
-
- Madrid
-
-
- Xoves 30/11/2017 – ALEJANDRO BARRANQUERO “Estratexias para a reforma mediática. É posible subvertir o sistema de medios?” CSA Playa Gata (Avda. Cardenal Herrera Oria, 80B) ás 20:30 h
-
- Montpelier
-
-
- Venres 08/12/2017 – PHILIPPE CORCUFF “Crítica dos media e emancipación no mundo actual”, Lugar por confirmar hora por confirmar
-
- Montreal
-
-
- Venres 08/12/2017 – DMITRI VITALIEV “Título da ponencia por confirmar”, Universidade McGill, (Rúa McTavish 3480, QC H3A 1X9 (Room 203A, 2nd Floor)) ás 19:00 h
-
- Santiago de Compostela
-
-
- Venres 17/11/2017 – JOSÉ CANDÓN “Unha gaiola con fiestras: Riscos e oportunidades para o activismo dixital”, Gentalha do Pichel (Rúa Santaclara, 21) ás 20:00 h
-
- Vigo
-
- Sábado 18/11/2017 – JOSÉ “PEPE” RIBAS “Existe prensa libre?”, De Catro a Catro (Rúa de Girona, 16) ás 20:00 h
- Sábado 25/11/2017 – MAGDA BANDERA “Mitos sobre a presunta revolución dixital nos medios.”, O Serán (Rúa Manuel Núñez, 29, Baixo) ás 20:00 h
Dende ECOAR))) agradecemos todas e cada unha das mostras de apoio recibidas para a construción destas xornadas que serían completamente imposibles sen a vosa axuda. Convidamos a toda a cidadanía a participar de forma activa en cada unha das palestras para podermos analizar e buscar solucións, conclusións e novas vías de forma colectiva no tocante á comunicación e ás relacións de poder que se crean a través dela.