UN CAMIÑO PARA REPENSAR A COMUNICACIÓN

Entre o 17 de Novembro e 8 de Decembro tiveron lugar as Xornadas Comunicación, Poder e Contrapoder, que tiveron como obxectivo central analizar como, a través da comunicación, se constrúen as redes de poder hexemónico e, á súa vez, como reverter estas situacións a través de diversas alternativas.

Para comezar este exercicio de reflexión e análise, contamos cunha palestra previa titulada “Vítimas, Pecadentas e Feminazisque, da man de Lorena Arévalo, achegounos a coñecer como é a relación que existe entre as mulleres e o mundo da comunicación, analizando os arquetipos que esta crea, a falta de mulleres en postos de responsabilidade dentro dos medios así como o incorrecto tratamento que se fai, por exemplo, da violencia de xénero nos medios de comunicación. Isto deixa aberta a necesidade dunha muda cultural profunda que revirta esta situación.

Xa arrincando as xornadas, acompañounos en Santiago de Compostela José Candón que, a través da súa palestra “Unha gaiola con fiestras: Riscos e oportunidades para o activismo dixital”, permitiunos facer un repaso dos riscos que supoñen as novas tecnoloxías para o activismo. Incidiu nas problemáticas e falsos dilemas que xorden coa aparición ao longo da historia de novas tecnoloxías e como inflúen estas de forma determinante na concepción da comunicación. Ademais, da súa man abordamos temas como a censura, a cesión voluntaria de datos a internet e a desprotección que isto pode supoñer. A contrapartida veu co repaso das oportunidades, partindo da difusión da que se nutriron movementos como o Zapatista, ou da posibilidade de poder contrastar a nivel usuarix as novas falsas, sen esquecer as vantaxes de organización, loxísticas e económicas, que supoñen para o activismo.

De aí saltamos directamente a Vigo o día 18 de novembro para acudir á palestra “Existe prensa libre?” impartida polo fundador de Ajoblanco, Pepe Ribas, que puxo o foco na transformación que sufriu a prensa dende a transición até os nosos días, e como a maioría dos medios acabaron controlados por grandes empresas ou estruturas políticas a través das subvencións, a publicidade ou a compra das cadeas de distribución, ademais de sinalar o papel que pode xogar internet na muda social e no futuro da prensa.

O 23 de novembro trasladámonos até a Casa Museo Casares Quiroga na cidade da Coruña, co obxectivo de desenvolver a palestra impartida polo xornalista de Praza Pública   Marcos Pérez, baixo o título “Cada xornalista ten a súa verdade. Guerra de relatos nun mundo fragmentado”. A través da súa análise descubrimos como está afectando á prensa o abandono do papel e as súas consecuencias, como a dependencia actual que teñen os medios das redes sociais, e como estas impiden unha visión plural da realidade ao funcionar por círculos pechados. Ademais, Marcos salientou a necesidade dunha cultura de consumo responsable da información así como da necesidade de crear novos marcos discursivos que non nos veñan dados.

Xa achegándonos ao ecuador destas xornadas volvemos darnos cita na cidade herculina. Nesta ocasión, da man de Antonio Caro e a súa palestra “A publicidade como instrumento do poder”, afondamos de cheo no mundo da publicidade. Unha das cuestións das que adoece a publicidade actualmente é a falta de interese por investigala. A consecuencia disto, a publicidade é utilizada para espallar a ideoloxía capitalista entre a poboación a través do consumismo. Ademais sinalou que os medios de comunicación a través da dependencia económica da publicidade acabaron por pertencer ás grandes transnacionais; tamén puxo o foco na instrumentalización que se fai da semiótica a través do “Marketing”.

Aterramos de volta en Vigo onde, en compaña da directora de La Marea Magda Bandera,  reflexionamos coa súa palestra “Mitos sobre a presunta revolución dixital nos medios” sobre a actual situación dos medios de comunicación e a súa relación coas novas tecnoloxías. Comezou falando dos puntos de inflexión que se foron dando ao longo do século XXI e a súa relación coa comunicación, apoiándose no caso de Indymedia como medio aberto no que calquera podía publicar sen filtros. Posteriormente sinalou os perigos e vantaxes deste tipo de medios, incidiu na problemática actual da maneira de acceder á información así como a relación existente entre a calidade da información e o tempo dedicado a construíla, ao tempo que incidiu sobre a falta de mulleres en postos de responsabilidade nos medios de comunicación.

Cambiamos Galicia por Occitania e acudimos ao Espace Martin-Luther-King na cidade de Montpellier onde Philippe Corcuff fixo unha análise sobre a comunicación e o papel que temos que ter cada un/unha a nivel individual para acadar a emnacipación, fuxindo da crítica clásica que non responsabiliza ás persoas.

No mesmo día o 8 de Decembro saltamos ao outro lado do Atlántico a Montreal, onde na Universidade McGill tería lugar o último acto destas xornadas que se titulou “Manipulando a rede. Historias de censura e seguridade defensiva”. Nesta palestra, da man do experto en seguridade en rede Dmitri Vitaliev, puidemos descubrir como se utiliza a rede para atacar de forma organizada aos movementos sociais a través de, por exemplo, ataques DDOS, ao tempo que se abranguían outros procesos que afectan de forma determinante a como circula a información na rede, sinalando ademais os filtros e algoritmos que utilizan as grandes transnacionais dixitais como google ou facebook, e que determinan como se posicionan as novas en internet. Ademais disto, amosou ferramentas que forman parte do proxecto eQualit.ie e poden axudar a mitigar a frear todo este tipo de ataques, incluída a circulación de novas falsas.

Entre todo o falado durante estas xornadas, observamos a repetición continua dunha serie de problemáticas. A infoxicación, a comercialización e desprotección dos datos privados das persoas ou as novas falsas son algunhas delas. Para facer fronte a isto debemos aprender a realizar un consumo responsable da información, así como a fornecernos de ferramentas que melloren a calidade da información que consumimos e difundimos, ao tempo que apoiamos medios independentes que busquen construír outro modelo comunicativo baseado en información veraz e de calidade.

Sen máis dende ECOAR))) queremos agradecer a todas as persoas que participaron destas Xornadas Comunicación, Poder e Contrapoder así como a todas as que as fixestes posible a través da campaña de microfinanciamento lanzada na Pepa Loba. Finalmente a charla “Estratexias para a reforma mediática. É posible subvertir o sistema de medios?” de Alejandro Barranquero terá o lugar o 18 de Xaneiro en Madrid no CSA Playa Gata. Por último, non vos esquezades que o manifesto Rachar o Cerco, Tecer a Rede segue aberto para quen queirades dar o voso apoio para construír un modelo comunicativo mellor. Seguimos!

 

Máis Información:

https://comunicacioncontrapoder.ecoarglobal.org/

Interésache:

QUECENDO EN PONTEVEDRA: AS MULLERES NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

O PRIMEIRO PASO: PROBLEMÁTICAS E OPORTUNIDADES DO ACTIVISMO DIXITAL

SEGUNDO PASO: LIBERDADE DE PRENSA DENDE A TRANSICIÓN ATÉ HOXE

TERCEIRO PASO: REALIDADES FRAGMENTADAS, PERIGOS DA INFORMACIÓN

CUARTO PASO: A PUBLICIDADE COMO FERRAMENTA DO PODER

QUINTO PASO: A SITUACIÓN DE EMERXENCIA NO ACCESO Á INFORMACIÓN

SEXTO PASO: A EMANCIPACIÓN COMO RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL

SÉTIMO PASO: COMO SE MANIPULA A INFORMACIÓN A TRAVÉS DA REDE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *