O pasado venres 8 de Decembro demos o último paso destas Xornadas Comunicación, Poder e Contrapoder. Este levounos á Universidade Mcgill en Montreal onde, xunto a Dmitri Vitaliev, director do proxecto eQualit.ie, nos dispuxemos a descubrir como se pode manipular a información a través da rede.
Esta palestra, que levaba por título “Manipulando a rede. Historias de censura e seguridade defensiva”, comezou cunha pequena presentación do proxecto eQualit.ie que ten por obxectivo proporcionar ferramentas de seguridade, comunicación e análise de datos a colectivos, activistas e periodistas. Partindo da idea de que internet non é un terreo inocente, explicounos como, ademais dos filtros polos que pasan as novas para posicionarse en internet, distintos grupos organízanse para atacar as webs de movementos como, por exemplo, o Black Lives Matter. Tal e como mostran as analíticas da ferramenta Deflect isto ten unha influencia determinante á hora da circulación da información na rede. Seguiu analizando de que xeito as informacións falsas ou incorrectas teñen facilidade para percorrer rápido a rede e modificar a conformación da realidade; á súa vez explicou como podemos evitar este tipo de fenómenos como as “fake news”. Á vez que analizaba todas estas situacións, explicou o funcionamento de ferramentas como Deflect, que serve para protexer aos servidores de ataques DDOS, ou Corroborator, cuxa función é analizar a veracidade dos datos que se verten na rede. Xa para rematar sinalou como as grandes compañías de internet, como facebook ou google, teñen excesivo control na maneira en que circula a información.
Tras un pequeno debate, demos por pechadas estas Xornadas Comunicación, Poder e Contrapoder, nas que repasamos a comunicación dende distintos ámbitos, cun percorrido que nos levou dende Santiago de Compostela até Montreal, pasando por Vigo, A Coruña e Montpellier. Nos próximos días fecharemos esta serie de crónicas cun último texto onde deixaremos resumido todo o que aprendemos grazas a estas xornadas e ás persoas que nos acompañaron.
Máis Información:
https://comunicacioncontrapoder.ecoarglobal.org/
Interésache:
QUECENDO EN PONTEVEDRA: AS MULLERES NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
O PRIMEIRO PASO: PROBLEMÁTICAS E OPORTUNIDADES DO ACTIVISMO DIXITAL
SEGUNDO PASO: LIBERDADE DE PRENSA DENDE A TRANSICIÓN ATÉ HOXE
TERCEIRO PASO: REALIDADES FRAGMENTADAS, PERIGOS DA INFORMACIÓN
CUARTO PASO: A PUBLICIDADE COMO FERRAMENTA DO PODER
QUINTO PASO: A SITUACIÓN DE EMERXENCIA NO ACCESO Á INFORMACIÓN