ASINA
RACHAR O CERCO, TECER A REDE
A comunicación é un dos elementos centrais no desenvolvemento das sociedades humanas. Así pois, a información, en xeral, e as novas tecnoloxías, en particular, conforman hoxe un elemento central na construción das relacións de poder e de contrapoder pois inciden de xeito determinante na construción social, económica, política e cultural.
A infoxicación, o silenciamento mediático, a manipulación, a violación dos dereitos dixitais ou a concentración do 96% dos medios de comunicación do mundo en mans de 4 conglomerados transnacionais conforman, entre outras cuestións, unha das caras da sociedade actual. Pero ao mesmo tempo tamén nacen novas formas de comunicación que permiten descentralizar a información, construír espazos de coordinación e resposta social así como facilitan a creación dunha comunicación máis democrática, plural e heteroxéna.
Por isto xs asinantes apostamos por un paradigma comunicativo que se basee en:
- Promover a descolonización informativa, comunicativa e tecnolóxica así como a soberanía das persoas e dos pobos. A sociedade global actual ve como a soberanía afástase cada vez máis das persoas e vaise transvasando devagar ás empresas ou a organismos supranacionais (portas xiratorias, TTIP, TPP, CETA, OMC, FMI…). Esta sociedade fomenta o paternalismo e a dependencia externa das persoas e os pobos nos diferentes planos sociais a través da delegación de responsabilidades e do rol pasivo das mesmas. Desenvolver un rol activo, crítico, creativo e solidario por parte de cada persoa, que teña como pautas principais o respecto dos dereitos, as liberdades e o planeta; participar e construír en redes locais e internacionais que permitan vertebrar un tecido consciente, coordinado e responsable que permita facer fronte aos problemas e cuestións derivadas dun mundo globalizado; promover a democratización da infraestrutura que permita que cada persoa e comunidade sexa dona de si mesma e, polo tanto, soberana de pleno dereito en todos os eidos nos que decida construírse; potenciar os medios e as tecnoloxías comunitarixs; facilitar marcos para que arraiguen os procesos de articulación, reflexión, formación e fortalecemento de capacidades sobre o uso, xestión e construción de información e tecnoloxías libres a través dunha perspectiva de xénero e intercultural que garanta a participación de todo o espectro social en igualdade de condicións; asegurar medios, ferramentas e canles que permitan que os gobernos, organismos e empresas rendan contas e estean baixo o control das persoas e as comunidades; ou converter a participación e a transparencia en dous alicerces básicos da construción social; son só algúns dos puntos necesarios a desenvolver para poder reforzar o exercicio dos dereitos político-civís, económicos, sociais e culturais dxs minorizadxs en particular, e da humanidade en xeral.
- Promover uns medios de comunicación responsables, independentes, críticos e plurais. Os medios de comunicación masivos actuais están orientados a unha comunicación emocional e primaria que promove o consumo, a transculturación e os contidos acríticos polo que serven como ferramenta de reforzo da estrutura de poder existente. Apostar pola descentralización como ferramenta de control do proceso homoxeneizador e de contacto que pretende o sistema actual; desterrar a idea dos medios, xornalistas, espazos e redes dixitais como obxectivos militares que privan, directa e indirectamente, de centos de dereitos a persoas e comunidades; desenvolver un relato diverso, comprensivo e real dos acontecementos diarios con contexto e sentido; servir de espazo dende onde facer unha análise crítica continua da realidade e onde se publique todo tipo de material sensible en materia de interese público aínda que sexa contraria ao interese das estruturas de poder; así como asegurar a confidencialidade e seguridade das persoas que fagan filtracións desas estruturas e descriminalizar ás persoas e entidades que facilitan o acceso das persoas ás mesmas; son elementos clave para o desenvolvemento de calquera sociedade democrática que garanta o control, a rendición de contas e a transparencia de quen ostenta o poder.
- Exercer e defender o dereito de acceso á información, así como a liberdade de opinión, pensamento e expresión a través de procesos de democratización da comunicación. A información nunca será veraz se non se establecen mecanismos, canles, contidos e ferramentas que conformen un corpo plural da información, así como se non se garante a posibilidade de fundación, control e xestión autónoma dos mesmos por parte das persoas e as comunidades en igualdade de condicións. Rachar coa fenda tecnolóxica que imposibilita o acceso a internet a miles de millóns de persoas; apostar pola neutralidade da rede como requisito indispensable de calquera sociedade democrática; afastarse do software privativo e da concentración da información en mans de grupos oligopólicos que obedecen unicamente ao lucro empresarial; ou inserir á sociedade civil e ás comunidades no deseño e instrumentación das políticas, leis e normativas; son elementos necesario para construír un contexto que protexa o exercicio dos dereitos e liberdades das persoas e dos pobos.
- Apostar pola tecnoloxía, a cultura e a información libres. A información e a cultura son bens que lle pertencen á humanidade e, polo tanto, aos que todos e todas temos dereito a acceder, producir e difundir de forma libre, aberta e sen restricións. Non é punible o libre intercambio nin a participación colectiva das mesmas. Os dereitos dxs autorxs deben ser compatibles cos do resto das persoas. Ao tempo, a construción colectiva e colaborativa de tecnoloxías que promovan o desenvolvemento local e o ben social, debe afastarse de limitacións, imposicións, monopolios e restricións. Se se aposta pola defensa de dereitos a través da xustiza, a ética, a liberdade e a equidade, débese desenvolver unha construción tecnolóxica, cultural e informativa baseada nestes mesmos principios.
- Promover a seguridade e a privacidade, pero sen limitar nunca os dereitos e as liberdades. O terrorismo, os desastres naturais ou calquera outro evento que rache a normalidade social non pode aproveitarse para rabenar dereitos. A seguridade non pode servir como xustificación para desenvolver marcos legais ou de facto que esgacen os dereitos e as liberdades individuais e colectivas. Protexer os datos con ferramentas e servizos éticos, autónomos, soberanos e descentralizados para deixar de depender dos servizos privados que violentan os dereitos de persoas e comunidades; impedir a vulneración da privacidade ou da comunicación das persoas a través de proxectos de transnacionais ou de iniciativas, políticas e leis de gobernos que se enfocan cara a obtención de lucro coa comercialización de datos ou o simple silenciamento da disidencia co corte de contas, espazos e mensaxes ou da mesma internet; non fan outra cousa que definir unha sociedade como altamente antidemocrática.
Xa asinaron
- Alejandro Barranquero
- Marcos Pérez
- José Candón
- Pepe Ribas
- Antonio Caro
- Philippe Corcuff
- Montxo Posada
- Judith González Gamallo
- Arturo Rúa Toucedo
- Ánxeles Bouzó Fernández
- Guillermo Cid Felpeto
- Ernesto Xosé Paz Caínzos
- Guillermo Crego Rodríguez
- Laura Otero
- Miguel Quinteiro Nuñez
- Daniel Rodríguez Pizarro
- Ana Rodriguez Francisco
- Indalecio Tizón Couto
- Antonio Iglesias Acuña
- Ana Isabel González Fontela
- Paula Pérez Baena
- Mónica Gonzalez Devesa
- Ruth Fernández González
- Daniel Palleiro González
- Henar Alonso Lomba
- Óscar Górriz
- Miguel Maciel Carneiro
- Juan Manuel Fieira Nogareda
- Marta Bravo Taboada
- Óscar Penedo
- Irene Felpeto
- Paula Estévez Gómez
- Chelo Cainzos Beceiro
- Pilar Dasilva Castaño
- Juan Froján Castro
- Cecilia Perez Orge
- Javier Diéguez Pérez
- Julia Toucedo Vila
- José Luis Briones Ramos
- Michel Poulette