As xornadas que organizará ECOAR))) en distintas localizacións do mundo analizarán, a través de especialistas e profesionais do campo da comunicación, como se constrúe o poder e o contrapoder no mundo de hoxe ao redor dese eido.
Este luns 4 de setembro ECOAR))) lanza a través da Asociación Pepa Loba unha campaña de microfinanciamento que ten como obxectivo financiar as xornadas “Comunicación, Poder e Contrapoder” que están proxectadas para ter lugar a segunda quincena de Novembro.
As xornadas “Comunicación, Poder e Contrapoder” analizarán a construción dun discurso hexemónico e uniforme así como as relacións de poder que se tecen entre os medios de comunicación, o poder político e as transnacionais. Ao mesmo tempo, estas xornadas tamén irán debullando o xeito en que se organizan as persoas na construción do contrapoder a través da vertebración dun discurso alternativo e unha nova cultura que ten como punto central a transformación do cidadán e da cidadá en suxeitos activos, grazas á aparición de novas ferramentas, novos coñecementos e unha concepción diferente da comunicación e a información a partir da aparición de internet.
As xornadas estarán conformadas por palestras que terán lugar en distintas localidades do mundo, que estarán conectadas entre si a través do espazo dixital. Cada unha das palestras será de carácter aberto e gratuíto e comporanse dunha exposición por parte de distintos especialistas e profesionais que irán tocando diferentes ámbitos para logo inserir un posterior debate entre xs presentes.
Por isto, co obxectivo de acadar o financiamento preciso para poder afrontar os gastos derivados das mesmas e poder desenvolver de forma efectiva estas xornadas, dende ECOAR))) lanzamos esta campaña de microfinanciamento a través da plataforma da Asociación Pepa Loba á que convidamos a sumarse a todas aquelas persoas que queiran afondar no coñecemento da sociedade actual dende unha perspectiva crítica. Xuntxs multiplicámonos!
DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”
MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR
PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE
ECOAR)))